Con motivo da celebración do Día Europeo das Linguas, o noso centro levou a cabo diferentes actividades co obxectivo de achegar o alumnado á riqueza lingüística e cultural de Europa, fomentar o interese por outras linguas e poñer en valor a diversidade como fonte de aprendizaxe e enriquecemento.
Ao longo da xornada, alumnado de diferentes etapas participou en propostas adaptadas á súa idade, nas que o xogo, a investigación, a creatividade e o traballo en equipo tiveron un papel protagonista.
En 1.º e 2.º de Primaria, os máis pequenos achegáronse á diversidade cultural e lingüística europea a través de actividades lúdicas e participativas. Mediante crebacabezas colaborativos, relacionaron distintos países cos seus elementos máis emblemáticos e, a través dun dominó adaptado ao seu nivel, descubriron monumentos, palabras e saúdos en diferentes idiomas. Unha forma dinámica e divertida de aprender xogando e de fomentar, desde idades temperás, o respecto pola diversidade.
O alumnado de 5.º e 6.º de Primaria tamén se sumou á celebración coa elaboración dun vídeo especial dedicado ao Día Europeo das Linguas, no que puxeron en práctica a súa creatividade e o aprendido sobre a pluralidade lingüística que caracteriza o noso continente.
Na ESO, as propostas permitiron afondar aínda máis no coñecemento das linguas e culturas europeas. O alumnado da titoría de 4.º da ESO A participou na actividade «Descubrindo o mundo», coa que construíu mapas de Europa e do mundo, localizou os países da Unión Europea e investigou as linguas que se falan en cada un deles. Ademais, descubriu curiosidades e datos de interese sobre distintos países, combinando así aprendizaxe xeográfica, lingüística e cultural.
Pola súa banda, o alumnado de Francés de 3.º da ESO converteuse en detective por un día coa actividade «Linguistic Detectives». Sospeitosos e detectives tiveron que comunicarse en diferentes linguas europeas mentres buscaban pistas na pronunciación, na fonética e no vocabulario para descubrir de que idioma se trataba. Romanés, francés, italiano, portugués, irlandés… e mesmo algunha lingua inventada sobre a marcha formaron parte desta divertida proposta, que permitiu aprender novo vocabulario, traballar a escoita e achegarse ás linguas europeas dunha maneira diferente.
Outra das actividades realizadas polo alumnado da ESO levou por lema «Unha árbore, moitas linguas, un mesmo compromiso!». Nesta proposta, vocabulario relacionado co medio natural —como árbore, raíz, tronco, folla ou froito— foi escrito en diferentes linguas de Europa.
A actividade serviu tamén para transmitir unha mensaxe máis ampla: do mesmo xeito que unha árbore medra a partir das súas raíces e se ramifica en múltiples follas e froitos, Europa medra e enriquécese a partir da súa diversidade cultural e lingüística. Ao mesmo tempo, a árbore converteuse nun símbolo da responsabilidade compartida de coidar o medio ambiente e o planeta do que todos formamos parte.
A celebración do Día Europeo das Linguas converteuse así nunha oportunidade para coñecer novas palabras, descubrir outras culturas, aprender xeografía, traballar en equipo e reflexionar sobre a importancia da diversidade lingüística e cultural.
Unha xornada na que aprender linguas foi tamén unha forma de abrirnos ao mundo, comprender mellor aos demais e valorar a riqueza que nace das nosas diferenzas.











